Cambados limita o tráfico pesado na avenida de Vilariño

CAMBADOS> Cambados elimina os camións de alta tonelaxe da avenida de Vilariño. O goberno pon en marcha unha nova reordenación do tráfico, desta volta nun dos principais viais de acceso ao centro da vila. Agora, os vehículos de máis de 5 toneladas e media, agás autobuses e servizos, deberán empregar a avenida de Coruña.

Nova reordenación do tráfico en Cambados. Desta volta, o concello elimina os camións de alta tonelaxe da avenida de Vilariño na PO-550, a principal vía de entrada ao centro da vila.

Xa hai quince días que a medida está en marcha, coa instalación dos sinais correspondentes en diferentes puntos das estradas que levan a Cambados e que supuxeron un custo de 2.000 euros ás arcas municipais. A reordenación conta con todos os permisos da Xunta de Galicia, e supón unha importante mellora en materia de seguridade.

O concello xa informou deste cambio ás empresas instaladas no Porto de Tragove, o principal destino destes camións de gran tonelaxe. Como xa sucedra noutros puntos, nas primeiras semanas reforzarase a presenza policial á entrada da avenida de Vilariño.

Esta reordenación súmase a outras xa executadas polo concello nos últimos 18 meses: a restrición do tráfico pesado na EP-90.02 por diante do colexio de Corvillón e na zona de Bouza de Padrón, en Oubiña, e as peonalizacións parciais da Praza das Rodas, Rúa Isabel II e a Praza de Fefiñáns.