Apoian ó Director do IES da Illa con case cinco mil sinaturas

PONTEVEDRA> O Director do Instituto da Illa, Alfonso Malvido, pensa que o expediente de cese que lle abriu a Xunta de Galicia por adiar o comezo das clases neste centro é unha represalia contra a intensa labor reivindicativa da comunidade educativa da Illa. Cre que el é a cabeza de turco ca que o Executivo Autonómico quere exemplarizar o que lle pasa ós que sexan belixerantes contra os recortes. – O Director do Instituto da Illa, Alfonso Malvido, sobre o que pesa un expediente de cese por parte da Xunta de Galicia, ofrece por fin en persoa a súa versión dos feitos. Asegura que se adiou o comezo das clases por mor da inactividade da Consellería de Educación que tardou ata o luns en asignarlles o profesor que precisaban. Foi entón cando o claustro ó completo decidiu postergar o comezo das clases ata que tivesen todo organizado co novo docente. A decisión de non comezar a dar clases en precario, sen a plantilla completa dos profesores e sen os horarios definitivos foi para a Comunidade Educativa da Illa un acto de responsabilidade. Do mesmo parecer é o sindicato CIG que esta mañá entregaba máis de 4.700 sinaturas na Delegación de Educación en Pontevedra para pedirlle á Xunta que dea marcha atrás nesta revogación de cargo. Arestora ábrese un período de dez días para facer alegacións ó expediente da Xunta antes de saber se Malvido é finalmente cesado do seu cargo de director, non así como docente. Unha decisión que o propio director interpreta como unha represalia á intensa labor reivindicativa deste centro nos últimos anos en contra dos recortes no ensino; unha especie de aviso a navegantes. Neste tira e afrouxa Malvido está a recadar multitude de mostras de apoio nas últimas semanas desde diversos eidos; especialmente da comunidade educativa do seu centro, da corporación en pleno Concello da Illa e da cidadanía en xeral, amais doutros compañeiros docentes de toda Galicia. Estes folgos animan a este Director a seguir adiante na súa cruzada persoal a prol da calidade do ensino e en contra dos recortes. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/19/malvido.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/19/sinaturas_educacion_apoio_ies_illa.mp4{/flowplayer}