A AECC de Pontevedra presta atención psicolóxica aos afectados polo coronavirus

PONTEVEDRA> O apoio psicolóxico está a ser fundamental para moitas persoas nestes días de confinamento. Persoas que están infectadas polo coronavirus, que teñen algún familiar enfermo ou que perderon a un ser querido polo Covid-19. Para todos eles, a Asociación Española Contra o Cancro puxo a disposición do Concello de Pontevedra un equipo de 9 psicólogos.

Non poder saír da casa, ter a algún familiar enfermo ou pasar o loito pola perda dun ser querido. Situacións ás que nos temos que afrontar nestes días de confinamento. E situacións que, moitas veces, ás pasamos en soidade. Para todas estas persoas é fundamental a axuda psicolóxica e o desafogo emocional. Por iso, a Asociación Española Contra o Cancro puxo a disposición do Concello de Pontevedra un equipo de 9 psicólogos que prestarán un servizo de terapia a todos os que o precisen.

Dende que comezou o estado de alarma, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Pontevedra puxo a disposición de toda a cidadanía os dous números de teléfono que aparecen en pantalla. A partir de agora, todos os casos que precisen de terapia psicolóxica serán derivados aos profesionais desta asociación.

A Asociación Española Contra o Cancro traballa xa para facer extensible este servizo aos demais concellos.