O ‘coche de punto’ abre a súa fase de probas aos preto de 20.000 veciños de todas as parroquias

PONTEVEDRA> Todos os veciños das parroquias de Pontevedra poderán beneficiarse da fase de probas do coche de punto. Tras superar as primeiras etapas con éxito, dende o concello queren someter o servizo ao máximo estrés posible para seguir facendo os axustes necesarios. Durante o mes de marzo, calquera dos preto de 20.000 veciños das parroquias do municipio poderán acceder a este servizo de transporte a demanda.

O concello de Pontevedra continúa probando o ‘coche de punto’ pero tralo éxito das primeiras fases queren dar un paso máis. Durante os vindeiros 3.000 quilómetros de traxecto ou, de non acadar esa cifra, durante o mes de marzo, o transporte a demanda estará dispoñible para todos os veciños de todas as parroquias de Pontevedra.

Para ser usuario do servizo, o primeiro é rexistrarse. Pode facerse na páxina web cochedepunto.gal ou no teléfono 986 07 00 66. Estas son as vías a través das que tamén se poden solicitar as viaxes.

Na fase de probas inicial, o ‘coche de punto’ realizou 80 viaxes, sendo as parroquias de Lérez e Campañó as que máis demandaron o servizo. Foron case toda s viaxes individuais, duns 20 minutos de duración e cun custo de 10,16 euros dos que, polo de momento, o usuario non ten que aboar nada.

Despois do mes de marzo, o ‘coche de punto’ deixará de prestar servizo. O concello e a empresa adxudicataria daranse un tempo para analizar toda a información recollida durante o período de probas e axustar o funcionamento do transporte a demanda ás necesidades dos cidadáns e corrixir posibles eivas. A intención do goberno local é que estea plenamente operativo a finais de ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí