O PP de Boiro denuncia un novo atraso no pago das subvencións deportivas

BOIRO> O PP de Boiro denuncia un novo retraso no pago das subvencións a deportistas federados. Ademais da demora do cobro das subvencións correspondentes ó 2024, advirten de que aínda non se convocaron as do actual exercicio.

Hai un ano, o PP de Boiro facía público o malestar das entidades deportivas do municipio ante o retraso do pago das subvencións federadas por parte do concello. A situación repítese nesta anualidade coas axudas de 2024 aínda pendentes de cobro e as de 2025 sen convocar.

Os populares esixen ó goberno maior eficiencia na xestión e celeridade nos pagos posto que os clubs dependen, en gran medida, destas axudas para a súa actividade máis agora no arranque da tempada deportiva.

Pola súa banda, dende o goberno municipal informaron de que as axudas aprobadas en 2024 están en tramitación mentres que as correspondentes a este ano están aínda en fase de execución anual.