Piden a reprobación de Sabariz por ‘privilexiarse’ no trámite das obras da súa casa

    PONTECESURES> O tripartito presentará no pleno unha moción para conseguir a reprobación do edil de Agrupación Cidadá, Luis Sabariz. Acúsano de terse beneficiado do seu cargo como concelleiro de Urbanismo durante a pasada lexislatura para conseguir construír unha vivenda unifamiliar da súa propiedade en terreos destinados a edificios plurifamiliares. BNG, PSOE e Terra Galega pídenlle que dimita directamente ‘por dignidade ética e política’. Os tres grupos no goberno de Pontecesures van promover unha moción para intentar que o pleno reprobe ó concelleiro de Agrupación Cidadá Luis Ángel Sabariz. O motivo: acusan ó independente de ter cometido unha infracción urbanística por construír unha vivenda unifamiliar nun terreo clasificado para edificios de vivendas e entrar a vivir nela sen solicitar a correspondente licenza de ocupación. Segundo información facilitada polo goberno cesureño, a principios deste ano o concello dirixiuse a Sabariz requiríndolle que solicitara o permiso de ocupación do edificio, pero este respondeu que ó levar construído máis de sete anos, non procedía esixir a solicitude de licenza de primeira ocupación. Vista a alegación, un técnico municipal realizou un informe no que recoñece que de acordo coa LOUGA non procede incoar expediente de reposición da legalidade ó ter prescrito. Pero o tripartito considera que se a responsabilidade urbanística prescribíu, non acontece o mesmo coa política. E é que no momento no que pediu permiso para construír a vivenda, Sabariz era concelleiro de Obras, Urbanismo e Servizos. Por iso, BNG, PSOE e Terra Galega consideran que debe ser reprobada a actitude do independente, acusándoo de terse servido do seu cargo para ‘privilexiarse’ no trámite das obras na súa propia casa, ‘saltándose a legalidade’ para construír unha vivenda unifamiliar nun terreo destinado a edificios de vivendas, actuando con ‘prepotencia -din no tripartito- e absoluto desprezo cara os veciños’. A maiores pídenlle a Sabariz que ‘por dignidade ética e política dimita e entregue a súa acta de concelleiro’.


    O edil de Agrupación Cidadá respondeu ás poucas horas, tamén mediante comunicado, a esta solicitude de reprobación. Tras recoñecer que non solicitou a licenza de primeira ocupación alegando que no momento no que entrou na casa ningún veciño no municipio solicitaba permisos deste tipo, Luis Sabariz carga contra o tripartito acusándolles de intentar enlordar a súa imaxe porque non ‘soportan’ a labor que fai na oposición. Aclara Sabariz que co seu comportamento non causou danos ‘a ningunha institución’, nin de tipo económico, xa que polas licencias de primeira ocupación ‘non se pagan taxas’; nin en aspectos de dominio público ou cuestións urbanísticas, pois asegura que el mesmo sufragou as obras de urbanización dos terreos cedidos para vía pública e que respectou ‘a liña edificatoria vixente nas normas Subsidiarias’ por aquel entón. Para aclarar todos estes puntos, o independente xa solicitou comparecer o xoves na comisión de asuntos xerais e no pleno do vindeiro día 25.