CAMBADOS> Conta atrás para o inicio da folga no servizo de recollida de lixo da Mancomunidade do Salnés. O arranque do paro está previsto para este venres, afectando aos concellos de Vilanova, Meis e Cambados. Neste último a situación pode ser especialmente complicada, xa que o vindeiro mércores comeza a Festa do Albariño. Dende o sindicato CIG denuncian a falta de diálogo coa concesionaria Valoriza e a inacción da Mancomunidade do Salnés.
Os traballadores do servizo de recollida de lixo da Mancomunidade do Salnés non dan un paso atrás. Hoxe seguiron co seu calendario de mobilizacións, concentrándose ás portas do concello de Cambados. Tamén o fixeron ante a sede do ente comarcal.
Denuncian que non saben nada de Valoriza, a concesionaria do servizo, dende a semana pasada. Tampouco da Mancomunidade do Salnés. O venres día 17 presentaron un escrito solicitando unha reunión co presidente David Castro que, din, aínda non tivo resposta.
Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade recoñece que existe esta petición de reunión rexistrada o pasado venres. David Castro amosouse disposto a manter encontros coas partes implicadas para buscar un acordo que mellore as condicións laborais.
De non chegar a acordos, o inicio da folga está previsto para este venres e afectaría aos concellos de Vilanova, Meis e Cambados, os que teñen o servizo mancomunado. Pero o paro pode ser especialmente complicado na vila cambadesa, que o vindeiro mércores arranca a súa Festa do Albariño, á que asisten milleiros de persoas.
Mañá está prevista unha nova concentración dos traballadores. Desta volta, no concello de Vilanova.











