As familias adoptantes contarán con acompañamento en todo o proceso

PONTEVEDRA> A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha por primeira vez, ao longo desta lexislatura, servizos integrais de apoio e formación continua nas tres fases do proceso. Así o indicou en Pontevedra a titular deste departamento, Beatríz Mato. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, explicou hoxe en Pontevedra que amais de reforzar os cursos para as familias solicitantes na primeira fase da adopción, vaise por en marcha un novo programa específico de formación e apoio ás familias en espera de adopción, o que sería a segunda fase. Ademais, establecerase un servizo de asesoramento postadoptivo para axudar na integración e desenvolvemento dos menores, nunha terceira fase do proceso. A Consellería tamén vai seguir traballando en mellorar os procesos de adopción internacional. Segundo sinalou Mato, ó longo de 2012, producíronse un total de 185 adopcións en Galicia, das que 49 foron de carácter nacional e 136 foron internacionais. A conselleira de Benestar desprazouse hoxe a Pontevedra para inaugurar un congreso sobre adopcións e para visitar o centro da asociación Xoán XXIII, que traballa fundamentalmente con persoas con discapacidade intelectual. Este ano o departamento autonómico colabora con esta entidade a través dun investimento que supera o 1,2 millóns de euros. Beatríz Mato foi informada das actividades e proxectos que ten en marcha Xoán XXIII en Pontevedra, como unha nova residencia de 24 prazas para dar cobertura a gran demanda que ten o seu centro de día. A conselleira recordou a aposta do Goberno galego pola atención á discapacidade e indicou que a Xunta destinará en 2014 un total de 97,2 millóns de euros a este eido, un 5,8 por cento máis que este ano. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/22/BEATRIZ_MATO_XOAN_XXIII.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/22/BEATRIZ_MATO_XOAN_XXIII.mp4{/flowplayer}