Combater a desigualdade e a violencia machista, retos da nova subdelegada de Pontevedra

PONTEVEDRA> A nova subdelegada do Goberno en Pontevedra arrancou hoxe a súa axenda oficial cunha visita á Comisaría Provincial na cidade. É o primeiro acto de Maica Larriba despois de que onte á tarde tivese lugar a súa presentación oficial. A nova subdelegada quixo salientar algúns dos seus obxectivos prioritarios: o primeiro, loitar contra a desigualdade e dar visibilidade ás mulleres.

Maica Larriba xa é, oficialmente, a nova Subdelegada do Goberno en Pontevedra. Esta mañá xa celebrou o seu primeiro acto como tal, unha visita á Comisaría Provincial na cidade. Aínda que Larriba xa xurara o seu cargo na Delegación do Goberno na Coruña, quixo facer a súa presentación oficial na que será a súa sede de traballo. Alí, aproveitou para marcar obxectivos. O primeiro, loitar contra as desigualdades. O segundo, contribuír á transición enerxética e, o terceiro, traballar a prol da visibilidade das mulleres porque ela forma parte, dixo, dun goberno con “clara vocación feminista”

Larriba comprometeuse a poñer todo o que estea na súa man para buscar solucións para os veciños e veciñas da provincia de Pontevedra. Tivo unha mención especial para aqueles colectivos máis prexudicados durante a crise e a etapa de recortes.

Arroupando á nova subdelegada, o Delegado do Goberno en Galicia. Javier Losada salientou a normalidade democrática que implica a celebración deste acto. Aproveitou tamén para reitera-lo seu compromiso e o da nova subdelegada a traballar a prol de Pontevedra e Galicia, sempre dende o diálogo.

A subdelegada saínte desexoulle sorte a Larriba na súa nova andaina. Ana María Ortiz quixo tamén facer balance do seu traballo e destacar algún dos logros conseguidos baixo as súas ordes.

No acto tódolos presentes tiveron palabras de recoñecemento para Xerardo Fernández Albol, o primeiro presidente da Xunta desta etapa democrática, que falecía onte ós 100 anos.