VALGA> O presidente da Xunta salienta o ‘milagre económico e tecnolóxico’ da empresa Urovesa, con sede en Valga. Alberto Núñez Feijóo visitou hoxe as instalacións e puxo en valor a capacidade competitiva da multinacional, especializada na fabricación de vehículos de alta mobilidade táctica. O alcalde da localidade aproveitou para reclamarlle ó goberno galego un novo parque empresarial para o concello.
Para o presidente da Xunta, Urovesa é exemplo da capacidade industrial de Galicia. Durante a súa visita á planta de Valga, Alberto Núñez Feijóo salientou a aposta pola innovación e a internacionalización desta empresa especializada na fabricación de vehículos principalmente para o sector militar. Unha decidida aposta que para Feijóo levou a Urovesa a ser líder indiscutible.
O titular do goberno galego aproveitou para poñer en valor a industria galega. Feijóo entende que Galicia ten moito que ofrecerlle ó mundo, tal como demostra esta emprea que exporta o seu produto a 25 países. Salientou tamén o traballo feito polo Concello de Valga para fomenta-lo asentamento de novas firmas.
O presidente da compañía, pola súa banda, quixo amosa-lo seu compromiso de seguir medrando en Galicia e alcalde de Valga agradeceu o traballo feito por Urovesa. Bello Maneiro trasladoulle a Feijóo a necesidade dun novo parque empresarial no municipio.
A visita rematou co presidente da Xunta montado neste vehículo: un VAMTAC. Trátase dun todoterreo altamente blindado, resistente ás balas e mesmo a certo tipo de artefactos explosivos.