Á chuvia para reivindicar as novas instalacións da Protectora

    VILAGARCIA> Os traballadores e voluntarios da Protectora de animais de Vilagarcía concentráronse esta tarde ás portas do Concello para pedir que lles entreguen as novas instalacións xa. Os cans abarrotan o antigo local polo que reclaman que se lles faciliten as novas instalacións canto antes, tal e como se acordou por unanimidade no último pleno. Sen importarlles a chuvia nin o vento, os membros da Protectora de Animais de Vilagarcía concentráronse esta tarde, antes do pleno municipal, diante da Casa Consistorial. Con esta mobilización na Praza de Ravella reivindican que se lle entregase o novo local, posto que ó actual é insuficiente para dar cabida a tódolos animais que albergan arestora. O único que lle falta ó novo local é a instalación eléctrica: algo do que a Protectora podería prescindir momentaneamente posto que traballarían ca luz do día e collerían auga do local antigo para baldear e dar de beber ós animais. Así ás cousas, volven a un pleno municipal para pedir que se cumpra o acordo plenario anterior, no que se aprobou entregar as novas instalacións antes de que comezase o inverno. Nesta Protectora traballan unhas dúas persoas en nómina e preto de trinta voluntarios en quendas de a cinco; aínda que hoxe tiveron máis apoio: a oposición en pleno luciu cadansúa camiseta da Protectora en apoio ás súas reivindicacións. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/26/cans.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/26/protesta_protectora_villa.mp4{/flowplayer}