As declaracións dos detidos manteñen abertas as investigacións da operación Tulipán

CAMBADOS> Continúa aberta a investigación contra a organización criminal que se dedicaba á loxística do contrabando. As declaracións dos detidos leva as forzas de seguridade a realizar máis rexistros e incautar novos vehículos e materiais.

Dúas semanas despois da redada levada a cabo contra a organización criminal dedicada á loxística do contrabando, as forzas de seguridade continúan obtendo máis información sobre os delitos que cometía esta banda. A Vixilancia aduaneira informaba hoxe que a operación realizada xunto coa Garda Civil e a Policía nacional realizou polo de agora 27 rexistros.

Dende o servizo aduaneiro sinalan que as investigacións permitiron identificar e estruturar as funcións de cada un dos membros da organización. Os criminais dedicábanse a construír lanchas de alta velocidade, en diferentes puntos da provincia, que están catalogadas como prohibidas. Unha vez rematadas eran levadas a outros puntos de España para poñelas a punto para ser utilizadas polos narcotraficantes. Os axentes destacan a alta especialización coa que contaban os membros de esta organización.

As investigacións permitiron deter a 22 persoas, dos cales 7 foron ingresados en presión, e requisar ata 20 embarcacións de alta velocidade, das cales 6 estaban xa preparadas para ser botadas ao mar para uso de narcotraficantes de maneira inminente. Aínda que a investigación continúa aberta, dende as forzas de seguridade dan por desartellada a organización criminal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí