A Xunta investirá uns 50 mil euros na mellora de camiños en Lousame

    LOUSAME> A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, para a analizar os traballos que se están a acometer no municipio para a mellora das dotacións rurais. A consellería do Medio Rural e do Mar destinará a este concello unha achega de preto de 50 mil euros, coa que está previsto levar a cabo o acondicionamento do camiño que une os lugares de Confurco a Ces. Nesta vía, procederase á limpeza de gabias en ambas marxes e á mellora da capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a superficie previo ao bacheo e tratamento asfáltico. Finalmente, realizarase a sinalización horizontal, co pintado de liñas en bordes. a delegada territorial destacou que esta axuda, realizada mediante o Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ten como obxectivo fundamental “impulsar a modernización e reforma das vías interiores que serven para a comunicación das zonas rurais dos distintos concellos”. No conxunto da provincia, o investimento total para este tipo de actuacións será de 4,53 millóns de euros. Belén do Campo fixo referencia a que na distribución dos orzamentos tivéronse en conta distintos criterios consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), como o número de habitantes, a superficie do municipio, o coeficiente de agrariedade, o despoboamento ou o envellecemento da poboación. Así, a representante do Executivo autonómico na provincia explicou que os proxectos que se levarán a cabo con este programa “redundarán na mellora da seguridade viaria dos usuarios e facilitarán unha forma de transporte máis cómoda”. Do Campo valorou a importancia do plan, que servirá para “manter en bo estado de conservación os camiños e pistas rurais, que en moitos casos son o único acceso posible para numerosos núcleos de poboación”. Con estas partidas, serán os propios entes locais os que poderán executar as obras que consideren oportunas, axustándose ao montante das respectivas subvencións, que se reparten en dúas achegas entre 2013 e 2014. No encontro, a primeira edil e a máxima representante do Goberno galego na provincia tamén analizaron outros investimentos levados a cabo pola Xunta de Galicia no municipio. Así, Lousame concurriu ás axudas para mellorar a eficiencia enerxética convocadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) de xeito conxunto cos concellos de Ames e Brión. Os tres municipios recibiron unha achega de 108.044 euros para renovar a iluminación pública exterior en parte do seu territorio, co fin de mellorar a calidade do subministro eléctrico e conseguir un aforro enerxético do 60% nos respectivos concellos. Estas actuacións contribuirán a reducir considerablemente o custe da factura eléctrica, á vez que redundará nunha mellor situación financieira das entidades locais.