O abrocho de covid rexistrado no concello de Boiro suma xa cinco positivos

BOIRO> Ó alcalde e á edil de Cultura, súmanselle tamén o tenente de alcalde, Luís Ruíz, e o persoal do gabinete de alcaldía, o secretario, Raúl Treus, e a responsable de prensa, Paula Riveiro.

As PCR’s realizadas ós contactos directos cos dous primeiros positivos, o alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Cutura, María Outeiral, confirmaron tres novos contaxios, polo que o brote de covid detectado na casa do Concello afecta xa a cinco persoas.

Ademais das xa coñecidas, trataríase tamén de tres persoas con estreita relación co alcalde, o seu número 2, actual tenente de alcalde e concelleiro de obras, Luís Ruíz, e persoal do gabinete de alcaldía. Neste caso o seu secretario, Raúl Treus, e a responsable de prensa do Concello, Paula Riveiro.

Parece ser que o estado do rexedor empeorou nas últimas horas, razón pola que tivo que ser ingresado no Complexo Hospitalario de Santiago. Aínda así está en planta e en situación estable.

Por outra banda, fontes do propio Concello informaron ademais que se vai facer un cribado masivo a todo o persoal municipal que traballa na casa consistorial para descartar posibles novos contaxios ou casos asintomáticos. Os contactos directos das persoas con positivo están actualmente en cuarentena preventiva a espera de ser chamados tamén para facer as probas.

O edificio do Concello segue pechado. Non haberá atención presencial e as cuestións urxentes atenderanse de xeito telefónico ou a través de vía telemática.

A maioría dos departamentos están traballando co cincuenta por cento do persoal de xeito presencial, e o resto teletraballando dende as súas casas, para evitar os contactos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí