Pérez: “ Agora a pelota está no tellado de Olleros”

    O GROVE> O Concello do Grove pronunciouse hoxe oficialmente durante máis dunha hora de rolda de prensa sobre a polémica xerada tralo precintado do Restaurante Culler de Pau. O Alcalde asegura estar á espera do proxecto de reforma por parte do equipo do chef Olleros posto que o Concello non puido facer outra cousa que axustarse ó dictame do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

    O Concello do Grove está tranquilo ca súa actuación respecto ó peche do Restaurante Culler de Pau e disposto a solucionar o conflicto dentro da legalidade. Así se pronunciaba desde o Consistorio meco esta mañá o Alcalde, asegurando que a solución a este polémico problema é posible e depende da actuación do equipo de Javier Olleros, de repoñer a legalidade do edificio. Asegura Miguel Ángel Pérez que aínda non se recibiu proxecto algún, si un anteproxecto, para a remodelación deste local de Reboredo, en San Vicente do Mar, malia que os propietarios xa eran coñecedores desde agosto da obrigatoriedade de peche do mesmo en cumprimento dunha sentencia clara do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; un coñecemento que foi oficial desde mediados de setembro.

    Deste xeito, Pérez confirma que houbo visita dos técnicos municipais ó Restaurante estrela Michelín pero xusto antes de que se elaborase o informe para a concesión definitiva da actividade profesional foi cando chegou á resolución xudicial; amais o demandante advertira xa meses antes ó Concello da súa intención de recorrer o fallo anterior e as consecuencias legais que esta podería ter.

    O Concello complementou esta extensa exposición ca achega das sentencias nas distintas estancias xudiciais ata o TSXG. Unha información que será publicada na web municipal en breve para atallar a intensa polémica que percorre a Vila meca, especialmente nas redes sociais.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/01xaneiro/17/perez.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/01xaneiro/17/concello_culler_pau_170114.mp4{/flowplayer}