Manuel Charlín e seu fillo Melchor, detidos por un alixo de cocaína nunha operación antidroga

VILANOVA> Manuel Charlín, detido nunha operación contra o narcotráfico. O histórico capo arousán foi detido xunto ao seu fillo Melchor Charlín no marco deste dispositivo, que está a desenvolver en distintos puntos da comarca de Arousa e de Galicia. Os axentes practicaron varios rexistros, entre eles un na mansión que os Charlíns teñen en Vilanova de Arousa. Crese que poderían estar relacionados cun alixo de 2.500 quilos de cocaína.

O clan dos Charlíns volve á primeira plana da actualidade. O patriarca Manuel Charlín Gama e seu fillo Melchor foron detidos esta mañá no marco dunha macrooperación contra o narcotráfico que se está a desenvolver en toda Arousa e en diferentes puntos de España.

Ao redor das 11 da mañá efectivos da Policía Nacional irrumpían na mansión que o clan ten en Vilanova de Arousa. As pesquisas apuntan que o histórico narcotraficante e o seu fillo poderían estar relacionados cun alixo de máis de dúas toneladas e media de cocaína. A droga localizouse nunha embarcación preto da illa de Madeira.

No marco do operativo realizáronse rexistros en diferentes puntos, como Boiro, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova ou Cambados, ademais doutras localidades como Marbella ou Huelva. Segundo apuntan dende O TSXG, xa son 22 os detidos.

Hoxe prestaron declaración ante o xuíz os catro tripulantes do barco, dous españois e dous senegaleses. Fixérono empregando un teléfono satélite, e acordouse prisión para todos eles. A embarcación está a ser remolcada a porto canario, onde está previsto que chegue a vindeira semana. O venres pasarán a disposición xudicial o resto dos detidos, como presuntos autores dun delicto de tráfico de drogas en cantidade de notoria importancia e no seo de organización criminal. O xulgado de instrución número 4 de Vigo e a Fiscalía Antidroga de Pontevedra están a dirixir a operación, sobre a que se decretou o segredo das actuacións.

Hai catro meses, Manuel Charlín e o seu fillo Melchor recibían unha malleira na súa propia casa tras ser vítimas do asalto de varios encarapuchados. Tras este episodio, varios membros do clan protagonizaron un encontronazo cos medios de comunicación que cubrían a información ás portas da súa vivenda en Vilanova, a mesma que hoxe rexistraron os axentes.