A Garda Civil detén ó autor do roubo nos locais do C.R. Puebla

BARBANZA> As investigacións levadas a cabo nas últimas semanas pola Garda Civil, a través da Policía Xudicial de Noia, deron coma resultado a detención dun mozo veciño da Pobra do Caramiñal coma presunto autor dun roubo nos locais do Club de Remo da localidade. O suceso produciuse a finais do mes de decembro, aínda que a detención tiña lugar onte. Os feitos xa foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira. Tamén a Policía Nacional de Ribeira detivo a dous veciños da localidade, de 34 e 37 anos, como presuntos autores dun total de catro roubos con forza en varias zonas da comarca do Barbanza, tres deles no mesmo bar de Porto do Son e o outro nun establecemento hostaleiro de Ribeira. Para a súa detención os axentes da comisaría ribeirense tiveron a colaboración da Garda Civil de Porto de Son. No momento da detención incautóuselles un televisor e certa cantidade de diñeiro en metálico. Ós dous cónstanlle numerosas detencións anteriores por delitos contra a propiedade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí