O ‘Nigeria’ xa está en prisión

POBRA> O Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira envía á prisión ó presunto autor dun total de dez delitos contra o patrimonio no Barbanza. Trátase dun coñecido delincuente da Pobra que conta con numerosos antecedentes por feitos similares. Os veciños e comerciantes da Pobra dormen xa un pouco máis tranquilos despois da detención e posterior ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza de R.S.G., coñecido baixo o alcume do Nigeria. O mozo, de 36 anos, acúsaselle de ser o autor de alomenos uns dez roubos nas últimas semanas en diferentes puntos da comarca do Barbanza, principalmente na Pobra, o que xerou unha certa alarma social. Esta reiteración no feito delitivo foi precisamente unha das razóns que levaron ó titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira a decretar finalmente o seu ingreso no cárcere. Entre os delitos que se lle imputan cónstanlle tres furtos de carteiras e móbiles a turistas en Praia Xardín, Boiro; roubos con forza en dúas lavanderías de autoservizo na Pobra, de onde se levou uns 900 euros, así como tamén roubos nun asador e nun vehículo, entre outros. Todos eles cun mesmo ‘modus operandi’ e deixando ó seu paso numerosos destrozos e danos materias.