Máis de 12 millóns de euros no Barbanza

    BARBANZA> A Deputación da Coruña vén de pechar definitivamente o exercicio 2013 no que respecta á recadación das taxas e impostos delegados polos concellos da provincia. Así, tras sumar os máis de 11 millóns resultantes da liquidación definitiva, pódese concluír que a institución provincial adiantou durante o ano un total de máis de 156 millóns de euros ós 86 concellos e máis ó consorcio das Mariñas. En canto a liquidación por comarcas, cabe destacar que os sete concellos do Barbanza e Muros-Noia que teñen delegada a recadación co ente provincial: Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Outes, Porto do Son e Ribeira, esta ascendeu a máis de doce millóns de euros. Grazas a este servizo que presta a Deputación, os concellos reciben o 90% da recadación estimada en cada período, tomando como referencia o total recadado o ano anterior, e gozan así dunha liquidez que doutro xeito sería moi difícil. Tamén de xeito trimestral achéganse os importes recadados nos prazos de recadación executiva, sempre no caso dos concellos que teñan delegada esta práctica na institución provincial. A continuación, durante o mes de xaneiro, faise unha liquidación provisional, á espera da definitiva que vén de ordenarse esta mesma semana. Todas as cifras do exercicio 2013 deron un incremento importante respecto ó anterior, que se pechou con 141 millóns de euros, contando tanto o recadado en executiva como en voluntaria. En termos relativos, isto supón un incremento neste ano de máis dun 10%, que responde tanto á efectividade dos servizos recadatorios da Deputación coma ó incremento de delegacións por parte dos concellos. Incrementouse tamén o montante total dos anticipos mensuais efectuados durante o ano, que sumaron 138 millóns de euros fronte ós 124 millóns do ano 2012. A maiores, tódolos concellos que delegan estas competencias na Deputación posúen outros beneficios extras, como foi este ano o adianto de 25 millóns de euros no mes de xullo para facer fronte ó Plan de Provedores esixido polo goberno do Estado. En total, ascenden xa a 86 concellos e un consorcio os que teñen delegadas as competencias dalgúns dos seus tributos ou taxas municipais na institución provincial, que realiza estas operacións aproveitando as economías de escala.