RIBEIRA> O alcalde de Ribeira comparecía esta mañá, arroupado por compañeiros non só a nivel municipal senón de toda a comarca para expoñer a súa visión sobre a moción de censura. Cualifica o pacto entre PP e PBBI de bochornoso e escurantista e denuncia presións.
Entre aplausos. Así era recibido o alcalde de Ribeira á súa chegada ó auditorio da lonxa municipal onde se celebrou unha comparecencia para expoñer as súas impresións trala presentación da moción de censura.
Ademais de intereses partidistas e mesmo económicos, o aínda rexedor denuncia as presións exercidas para lograr este acordo.
O certo é que a pesar de que foron catro os membros do PBBI que asinaron a moción, a concelleira Tania Redondo segue a desempeñar as súas funcións dentro do goberno a diferenza de Vicente Mariño, Herminia Pouso e Fernando Abraldes que xa foron cesados por decreto de alcaldía. Polo tanto, haberá que agardar ó pleno do 13 de outubro para ver se se desmarca co seu voto dos promotores da moción confirmando así a existencia de coaccións por parte do seu propio partido.











