Os Reventapistóns quentan motores para a súa VII Concentración Moteira

RIBEIRA> Ribeira prepárase para acoller unha das citas máis agardadas do ano para os amantes do motor. A sétima edición da Kedada Moteira Reventapistóns desenvolverase o sábado 22 de marzo cun completo programa de actividades no que non faltarán sorpresas.

A concentración moteira dos Reventapistóns volverá reunir en Ribeira a centos de afeccionados ó motociclismo. A sétima edición desta quedada terá lugar o sábado día 22 na Praza de España, onde a partir das once e media da mañá haberá animación musical e sesión vermú a cargo de Cabina DJ. Tralo xantar, consistente nunha degustación gratuíta de callos, comezará o programa de adestramentos e exhibicións.

O programa inclúe tamén unha ruta mototurística pola comarca, unha chocolatada e un espectáculo sorpresa a cargo dos socios do club.  A última hora da tarde terán lugar os concursos e competicións con premios

Dende o Motoclub Reventapistóns agradeceron o apoio do concello que tódolos anos colabora con este evento que contribúe a atraer ata Ribeira a numerosos visitantes nunha época de menor afluencia turística.