A Deputación da Coruña distingue os mellores deportistas da provincia

BARBANZA> Ana Peleteiro e César Carballeira foron distinguidos pola Deputación da Coruña como mellores deportistas da provincia. Entre os premiados destaca tamén a empresa Congalsa polo seu labor de promoción do deporte base na comarca do Barbanza.

A Deputación da Coruña celebrou a terceira edición dos Premios do Deporte cos que pretende distinguir ós mellores deportistas, clubs e entidades patrocinadoras da provincia.

En total, houbo 15 premiados entre os que destacan a atleta ribeirense Ana Peleteiro e o xogador de Hockey Club Liceo, César Carballeiro, distinguidos como mellores deportistas da provincia polo xurado entre as máis de 60 candidaturas presentadas. Nas categorías senior e promesa as distincións foron para o noiés Manuel Paz e Dolores López na primeira e Alexandre Malov ‘Sasha’ e Olivia Parga na segunda.

Houbo tamén espazo para os deportistas con diversidade funcional coa distinción de Ana Varela e Damián Ramos. O Barbanza estivo tamén moi presenta no premio á mellor entidade colaboradora ou patrocinadora que recaeu na empresa Congalsa pola súa aposta polo deporte base na comarca. Na categoría de adestradores o premio foi para Rosa María García do Club de Patinaxe Maxia mentres que a mellor árbitro foi Dolores Rojas, primeira muller española xuíz internacional de marcha atlética.

O premio a toda unha vida dedicada ó deporte distinguiu o albor de José Domingo Vía Gómez fundador do club de piragüismo Ría de Betanzos. No que respecta ás entidades deportivas, o Club Halterofilia Coruña fíxose co premio á promoción do deporte base mentres que Crat Sharks e Tuxeleires comparten galardón ó fomento do deporte inclusivo. O premio ó mellor evento deportivo foi para o Pantín Classic, única proba da Liga Mundial de Surf que se celebra en España.