CxG interésase polo saneamento de Esteiro e Tal

    MUROS> A agrupación local de Compromiso Por Galicia en Muros vén de presentar en Augas de Galicia unha solicitude, a través da cal lle piden explicacións sobre o estado das obras de saneamento de Esteiro e Tal, que se iniciaron hai mais de cinco anos e que tiveron un custe de preto dos tres millóns de euros, e que a día de hoxe aínda non entraron en funcionamento. A voceira desta formación política, María Xosé Alfonso, sinala que esta actuación é unha necesidade perentoria, non só para os veciños da zona, senón tamén para a ría, a onde van parar actualmente tódolos vertidos. A voceira nacionalista sinala ademais que xa lle preguntou á alcaldesa muradá Caridad González por este asunto en varios plenos, sen conseguir ata o de agora, unha resposta convincente. Dende Compromiso Por Galicia fan alusión tamén a que estiveron recollendo numerosas queixas entre os veciños por este asunto, para os que é un problema non poder dispor deste servizo, debendo soportar a día de hoxe desagradables cheiros derivados da propia obra.