A Policía Nacional rexistra Deputación e Concello na procura de contratos de obras

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/18/rexistro_deputacion_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/18/rexistro_deputacion_pontevedra.mp4{/flowplayer} 

     

    PONTEVEDRA> A Policía Nacional rexistrou esta mañá as dependencias da Deputación e do Concello de Pontevedra. Os funcionarios pediron expedientes sobre obras públicas contratadas e realizadas nos últimos anos, nunha actuación enmarcada na Operación Patos; un dispositivo que hoxe levou á detención de cinco persoas en toda Galicia e á realización de 17 rexistros.

    Axentes da Policía Nacional rexistraron as dependencias da Deputación provincial, entre as 9 da mañá e as 2 e media da tarde. Segundo confirmaron fontes da institución, os axentes buscaban os contratos relacionados con campos de fútbol de herba artificial e obras de saneamento, da área metropolitana de Vigo e doutros municipios como Poio ou Moraña.

    Os efectivos tamén recolleron documentación do concello de Pontevedra. Da súa xuntanza co alcalde e co secretario sábese que pediron tres expedientes relacionados con contratos coa empresa Eiriña SL, concretamente os traballos na Avenida de Lugo, Santa Clara e a cabalgata de Reis, na que patrocinou unha carroza.

    Ambos rexistros realizáronse no marco da operación Patos, pola que o xulgado de instrución número 7 de Vigo está a investigar a contratación de obras na área metropolitana da cidade. O operativo investiga presuntos delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influenzas e falsidade documental, e xa efectuaron cinco detencións, entre elas a do concelleiro de obras de Nigrán, José Álvarez Valverde. Segundo a Policía Nacional, ata o momento realizáronse 17 rexistros, tanto en domicilios como en locais de empresas, entre elas Eiriña, e organismos oficiais, como a Delegación da Xunta en Vigo, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense, Nigrán e Ponteareas.