NOIA> A deputada responsable de Plans da Deputación da Coruña desprazouse ata Noia para supervisar algunhas das actuacións que se están a acometer no concello no marco do Plan Único. Cristina García anunciou a inminente aprobación dun novo POS adicional que elevará o investimento dotado con 25 millóns de euros máis para toda a provincia.
Durante a visita realizada pola deputada provincial de Plans ó concello de Noia, os representantes de ámbalas dúas administracións fixeron balance dos proxectos acometidos no municipio con financiamento da Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos. Entre eles, actuacións tan destacadas como a renovación do cruceiro da Barquiña ou a automatización da Estación Potabilizadora que se acometerán con cargo ó POS deste ano ou a
renovación da beirarrúa da rúa de Galicia, que está en fase de execución, polo que a deputada tivo ocasión de comprobar o estado das obras a piques de concluír.
Ó longo deste ano lévanse investidos en actuacións no concello dun millón de euros que se elevarán ata case dous millóns coa aprobación dun novo plan adicional, tal e como lle trasladou a deputada.
Dende o goberno local destacaron a importancia que supón o POS para concellos pequenos como Noia pudendo asumir obras para a dotación de servizos básicos ou mesmo o financiamento de gasto corrente aliviando as arcas municipais.
Neste sentido, dende a administración local demandan á Xunta de Galicia o mesmo compromiso inversor que ten a Deputación cos concellos a través de plans como o POS con criterios obxectivos e equitativos sen ter en conta a cor política.










