Cambados e Ribadumia acollerán dous proxectos TIC da Deputación

    PONTEVEDRA> Están destinados á implantación de novas tecnoloxías en pequenas empresas da provincia e á xestión de activos municipais. Na provincia de Pontevedra hai 64.600 empresas con menos de cinco empregados. É dicir, son microempresas e constitúen preto do 92 por cento do tecido empresarial da provincia. Segundo un estudo realizado pola Deputación, tense detectado que a meirande parte delas non usan as novas tecnoloxías por descoñecemento das súas posibilidades. Para botarlles unha man e solucionar estas eivas, o organismo provincial abrirá unha rede de cinco oficinas comarcais nas que técnicos especializados ofrecerán asesoramento ós empresarios. A do Salnés situarase en Cambados, no centro comarcal Exposalnés. É a esencia do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0, como se denomina o piloto. ¿Que información se ofrece? Desde tipoloxías de equipamentos informáticos máis axeitados para cada peme ata a xestión de correo electrónico. Asesores TIC con amplos coñecementos estarán á fronte destas oficinas. Ademais vanse realizar titorizacións nas empresas que vaian incorporando novas tecnoloxías e seguirase a súa implantación. O outro proxecto tecnolóxico a desenvolver pola Deputación orientarase á Xestión de Activos Municipais, centrado no estudo e seguimento dos servizos que prestan os concellos para rendibilizalos ó máximo. Ribadumia será un dos concellos que integre este proxecto piloto, que unha vez concluído, preténdese estender a toda a provincia de Pontevedra. Financiarase con 450.000 euros. O destinado ás pemes, cun millón e medio. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/07/tecnoloxiasempresasconcellos.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/07/TECNOLOXIA_EMPRESAS_070314.mp4{/flowplayer}