Lousame conmemora o Día da Muller

LOUSAME> Os actos, que se desenvolverán na casa de cultura a partir das seis da tarde, comezarán coa conferencia “A situación das mulleres durante a guerra e a posguerra”, a cargo de Aurora Marco, catedrática de Didáctica da Linguaxe e da Literatura pola Universidade de Santiago de Compostela. A charla terá como base o libro “Mulleres na guerrilla antifranquista galega”, no que a escritora noiesa rende homenaxe ás guerrilleiras que loitaron contra o franquismo a través das historias dunhas 200 mulleres. Acto seguido proxectarase un estrato do documental “Silenciadas”, dirixido por Pablo Ces e da que é guionista a propia Aurora Marco. Un documental baseado en seis historias do libro “Mulleres na guerrilla antifranquista galega” e que foi galardoado co Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental de 2011 pola Academia Galega do Audiovisual. O acto pecharase coa proxección do vídeo “Eu lembro…”, gravado durante as últimas semanas polas veciñas de Lousame integrantes dos Obradoiros de Memoria e no que recollen as súas vivencias e experiencias durante a época da Guerra Civil e da Posguerra no municipio.