O concello mellorará os campos de Cabanetán e Cruído

    LOUSAME> O concello de Lousame iniciará de inmediato diversas obras de mellora nos campos de fútbol municipais de Cabanetán e de Cruído. As primeiras actuacións terán lugar no campo de Cruído, onde hai unha zona que se vai repasar e nivelar, aínda que será preciso agardar a que o terreo estea totalmente seco para poder traballar con eficiencia e así mellorar a drenaxe para evitar que as chuivas poidan afectar nun futuro ás instalacións. Neste campo procederase tamén á instalación dunha rede perimetral. Polo que respecta á outra instalación, a de Cabanetán, a alcaldesa, Teresa Villaverde, informou de que durante o verán se procederá á súa descompactación de cara a mellorar as condicións do terreo de xogo ó existir unha mala drenaxe. O Concello ten previsto tamén aplicar un herbicida de absorción foliar nas esquinas e detrás das porterías para eliminar malas herbas que medraron nos últimos tempos e que poden deteriorar o céspede artificial. Ademais tamén se procederá de inmediato ó arranxo dun dos postes que suxeita a rede exterior do campo, que foi soldado hai unhas semanas pero que volveu romper cos últimos temporais.