Dúas empresas de Noia e unha da Pobra optan ós premios á mellor iniciativa empresarial

BARBANZA> Un total de 78 empresas de toda a provincia optan ó segundo premio á mellor iniciativa empresarial da Deputación da Coruña. O certame, que se enmarca dentro do Plan de Emprego Local, busca fomentar o emprendemento e potenciar a consolidación das empresas da provincia.

Dúas empresas de Noia e unha da Pobra do Caramiñal figuran entre as 78 firmas seleccionadas ós segundos premios á mellor iniciativa empresarial que convoca a Deputación da Coruña dentro do Plan de Emprego Local. Nesta segunda edición do certame incluiranse tres categorías, dotadas con 25 mil euros cada unha. O galardón para a Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade. Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada para aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade. E como novidade desta edición, convocouse unha terceira categoría que premiará ás iniciativas empresariais socialmente responsables que contribúan ó crecemento sostible da provincia nos ámbitos económico, medioambiental e social. A participación no certame deste ano supera á do ano pasado, cando se presentaron 70 candidaturas. Na primeira edición resultaron gañadoras a firma EVASA, de as Pontes, e a start-up E-monte, de Santiago.