A Fiscal mantén a petición de 20 anos de prisión para os acusados do crime do Umia

PONTEVEDRA> O xuízo polo crime do Umia entra no seu treito final. Hoxe celebrouse a cuarta xornada na Audiencia Provincial; unha sesión na que a Fiscalía reiterou a súa petición inicial de pena: 20 anos de prisión para os catro acusados polo asasinato de Enrique Monteagudo.

Para a representante do Ministerio Público existen probas suficientes para condenar a Adrián Ferro, Jesús Piñeiro, Héctor Vázquez e Borja Coucheiro pola morte de Enrique Monteagudo o 22 de xullo de 2010. Despois de catro sesións de xuízo, a fiscal considera que os catro acusados son culpables por igual dun delito de asasinato con alevosía, de aí que manteña a petición inicial de 20 anos de prisión. 

O avogado da familia do falecido coincidiu nos argumentos defendidos polo Ministerio Público, e dirixiuse ós membros do xurado para pedir que fagan xustiza.

Os defensores de tres dos acusados insisten na súa inocencia, polo que solicitaron a súa absolución. Non é o caso de Adrián Ferro, que xa recoñeceu que estaba no momento da morte de Lucho. O seu letrado pediu que sexa considerado cómplice nun delito de homicidio, ademais dunha redución de condena por ter confesado. Para Jesús Piñeiro, o seu avogado solicitou que, de resultar condenado, sexa eximido por padecer unha esquizofrenia paranoide. A fiscal non escoitou ningunha destas alegacións na súa petición de pena.

A ausencia de probas de ADN e de pegadas dactilares é un dos elementos principais nos que as defensas apoiaron as súas argumentacións ó longo de todo o xuízo para exculpar ós seus clientes. Pola súa banda, para a Fiscalía e a acusación particular, hai indicios suficientes para pensar que os catro limparon o escenario do crime para eliminar calquera rastro que puidera relacionalos co lugar dos feitos.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/13/xuizo_crime_umia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/13/xuizo_crime_umia.mp4{/flowplayer}