O concello de Muros enfróntase a un novo revés xudicial

    MUROS> Unha sentenza obriga á alcaldesa de Muros, Caridad González, a levar a pleno unha proposta do grupo de non adscritos para reducir a suba do IBI. O xulgado do contencioso-administrativo nº4 da Coruña vén de ditar sentenza favorable á concelleira do grupo de non adscritos, María Xosé Alfonso, pola demanda presentada por esta contra a alcaldesa de Muros, Caridad González, por non permitir que se votara, en ningún dos dous plenos ordinarios celebrados en setembro e outubro de 2013, a procedencia da inclusión dunha proposta dos nacionalistas para que o IBI non subira ao 0’6% e quedara no 0’4% para bens urbanos e no 0’3% para bens rústicos. Dende o grupo de non adscritos sinalan que a sentenza, contra a que cabe recurso de apelación, obriga á alcaldesa muradá a levar a pleno a proposta dos nacionalistas para que sexa debatida. Ademais, sinalan que o feito de que esta sexa xa a terceira sentencia contra a alcaldesa muradá por abuso de poder é significativo e demostra a súa actitude ditatorial ó impedir que sexa toda a corporación en sesión plenaria quen tome certas decisións que lle corresponden por lei. En relación a este asunto a alcaldesa, Caridad González, sinalou que a atención debería estar centrada nestes momento noutros temas de maior importancia para Muros, como é a axuda ás familias dos mariñeiros do Santa Ana. Aínda así, indicou que a acata a sentenza, pero non a comparte, anunciando a presentación dun recurso. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/17/cxgmurossentenzasubaibi170314.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/17/cxgmurossentenzasubaibi170314.mp4{/flowplayer}

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí