O alcalde de Ribeira descarta a limitación de acceso ó recheo portuario a curto prazo

RIBEIRA> O alcalde de Ribeira descarta que se vaia prohibir a curto prazo o acceso de vehículos ó recheo portuario. Aínda así, dende o goberno entenden que nun futuro Portos de Galicia podería restrinxir os usos nesta zona polo que apostan por ir habilitando espazos alternativos para o estacionamento no casco urbano.

Trala preocupación amosada polo BNG ante o posible peche do recheo portuario ó tráfico, o alcalde de Ribeira quixo mandar unha mensaxe tranquilizadora. Nestes momentos non está sobre a mesa o proceso de desafectación desta zona para darlle un uso exclusivamente portuario. Aínda así, o alcalde entende que é necesario ir buscando alternativas á posible perda de aparcamentos ante a posibilidade de que Portos aposte por restrinxir o acceso a aqueles traballadores vinculados unicamente coa actividade pesqueira e comercial.

Dende o goberno local barallan a posibilidade de construír un gran aparcadoiro na zona onde se empraza actualmente a Casa do Mar para contar cunha alternativa ó estacionamento que se ven realizando ata o momento en zona portuaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí