O PP de Noia critica os orzamentos municipais ante a baixada dos investimentos

NOIA> O PP de Noia critica a xestión do actual goberno municipal destacando a caída dos investimentos previstos nos orzamentos. OS populares botan de menos partidas para acometer proxectos como o centro de día da Chaínza ou a apertura da Rúa Outonil.

O acordo acadado co BNG para a aprobación dos orzamentos presentado a principios de semana polo goberno local de Noia non deixou indiferente ó principal partida da oposición. O PP critica a drástica caída dos investimentos nun 60 por cento con respecto ó presuposto anterior mentres que destacan a suba de impostos, en especial da taxa pola recollida do lixo.

Segundo os populares, estes orzamentos suporán a paralización de varios proxectos que xa se atopaban encamiñados durante o seu mandato como o centro de día da Chaínza ou a apertura da rúa Outonil, sen partidas asignadas.

Botan tamén de menos investimentos en materia educativa ou consignación orzamentaria para aplicar a Relación de Postos de Traballo. Precisamente este foi un dos argumentos do ex edil popular, Luís Alamancos, para apoiar a moción de censura.

Os populares, que xa anuciaron o seu voto en contra, consideran que estes orzamentos evidencian a incapacidade de xestión do goberno que leva seis meses sen propostas desenvolvendo unicamente as actuacións herdadas do anterior executivo.