Remata a campaña de esquí para escolares da Deputación

A CORUÑA> Os nenos das comarcas de Santiago e Barbanza pecharon esta fin de semana a campaña de esquí que organiza a Deputación da Coruña, en colaboración coa Deputación de León, para que rapaces de entre 10 e 13 anos poidan gozar dunha fin de semana de estadía na neve. Nesta última quenda, acudiron á estación de San Isidro cen nenos e nenas procedentes dos concellos de Boiro, Brión, Dodro, Lousame, Noia, Padrón, Outes, A Pobra, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A campaña organizada pola Deputación chegou a todas as localidades da provincia en diferentes quendas, co que, en total, ata 500 nenos puideron participan nesta iniciativa que lles permite coñecer os deportes da neve durante tres días. A oferta inclúe os traslados en San Isidro, a estadía e a manutención, ademais das clases de esquí e o aluguer de material. O programa realízase a través dun convenio de colaboración coa Deputación de León que, a cambio, poderá traer a douscentos nenos da provincia veciña a participar nos campamentos de verán que organiza a institución coruñesa no Centro Calvo Sotelo. O obxectivo desta iniciativa é fomentar que os pequenos poidan familiarizarse cos deportes da neve.