GALICIA> O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou o Plan integral de emigración 2014-2016 co obxectivo de garantir a atención dos residentes no exterior, fomentar a unión ou fusión de entidades, incorporar con maior intensidade á vida dos centros galegos ás mulleres e aos mozos e seguir facendo partícipes ás comunidades galegas no exterior na estratexia de internacionalización e apertura da economía galega. Dentro dos principais obxectivos desta nova iniciativa, Feijóo destacou en primeiro lugar un obxectivo asistencial, é dicir, seguir garantindo a necesaria atención, asistencia e protección dos galegos en situación de maior precariedade en función dos países de residencia. No eido económico, fixo fincapé en que o plan avoga ademais por seguir facendo partícipes ás comunidades galegas no exterior na estratexia de internacionalización, especialmente naqueles países onde os galegos tiveron maiores posibilidades de desenvolvemento. Como terceiro obxectivo referiuse ao fomento dos procesos de unión ou fusión das comunidades e entidades galegas. Sobre este último aspecto, lembrou o éxito da fusión de todos os centros de Cataluña en dúas agrupacións e o éxito da fusión de todos os centros cubanos nun único centro; ademais da fusión de dous centros en Nuremberg e doutros dous en Uruguai. Así mesmo, subliñou que o plan ten tamén como finalidade dar un importante pulo á participación igualitaria das mulleres na Galeguidade. A ese respecto, afirmou que a Xunta se compromete a potenciar esa tendencia dentro das súas posibilidades, respectando a independencia das xuntas directivas. Coa finalidade de garantir o relevo xeracional nas entidades galegas na diáspora, Feijóo matizou que o plan avoga tamén por fortalecer o proceso de plena integración da xuventude na vida diaria das comunidades galegas do exterior. O titular da Xunta referiuse tamén á necesidade de preservar o patrimonio material e inmaterial das entidades, ante a importancia histórica e cultural do patrimonio que atesouran algúns centros como a sede da Habana, Caracas ou Bos Aires. E resaltou o obxectivo do retorno como un obxectivo compartido para establecer as mellores condicións posibles para que a transferencia dos coñecementos e experiencias da diáspora sexa aproveitada en Galicia.
Inicio Galicia