O investimento nos GAC dende 2010 supera os 28 millóns de euros

GALICIA> A Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou desde 2010 máis de 500 proxectos dos Grupos de Acción Costeira por un importe de máis de 28 millóns de euros. O importe total destinado aos proxectos produtivos é de máis de 16 millóns de euros, o que supón un importe medio de 67.000 euros por proxecto e o 57% do orzamento dedicado a axudas. Por outra banda, os proxectos non produtivos recibiron un importe de máis de 12 millóns de euros, sendo o importe medio por proxecto de 43.000 euros. En canto á avaliación realizada pola Consellería para analizar a repercusión social e organizativa dos 7 GAC do litoral de Galicia, Susana Rodríguez informou que Galicia é a primeira comunidade autónoma en realizar un traballo deste tipo e que a propia Comisión Europea manifestou a relevancia deste estudo. Del dedúcese, sinalou a directora xeral, que as estratexias dos GAC concordan plenamente coas definidas para o novo período de programación no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que están a servir para cumprir os obxectivos para os que se constituíron supoñendo un pulo á dinamización social e cultural das zonas de pesca. En relación ao marisqueo na ría de Pontevedra, a directora xeral sinalou que os ingresos medios das mariscadoras das confrarías de Pontevedra, Raxó e Lourizán, procedentes das actividades extractivas foron aumentando ano tras ano dende 2005 ata 2012. No ano 2012 acadaron un máximo de aproximadamente 12.200 euros de media entre as 3 confrarías, sendo sempre moi superiores aos observados para a provincia de Pontevedra e Galicia. Aclarou ademais que entre xaneiro e agosto de 2014, os ingresos medios das mariscadoras destas confrarías son de aproximadamente 475 euros brutos por mes, aos que habería que engadir, dixo, os ingresos procedentes da prestación de cese por actividade que tiveron unha parte importante das mariscadoras das 3 confrarías. Neste sentido, explicou que a diminución dos ingresos medios mensuais no primeiro meses de 2014 con respecto aos anos anteriores poden ser debidos a diversas causas relacionadas co estado das poboacións que se explotan. Por exemplo, debido aos efectos das intensas choivas no último trimestre de 2013 e primeiro de 2014 nas poboacións de moluscos bivalvos. Con respecto aos peches dos bancos intermareais debido ás biotoxinas, Susana Rodríguez aclarou que non afectaron ao primeiro trimestre do ano, senón que os bancos se viron afectados dende o mes de abril, abrindo en períodos intermitentes ata a actualidade. Polo tanto, aclarou, entre xaneiro e mediados de setembro deste ano, as mariscadoras de a pé desenvolveron a súa actividade durante un total de 72 días