Iniciadas as obras da futura gardería sonense

    PORTO DO SON> Esta semana deron comezo as obras de construción da futura escola infantil e a ludoteca. Os traballos iniciáronse co derrubamento da antiga Casa do Mar, edificio situado a carón do concello, en cuxo solar está previsto que se instale a nova escola infantila. segundo informaron fontes do propio equipo de goberno, o novo proxecto desenvolverase en dúas plantas, aínda que a súa altura será inferior ó edificio que albergaba ata o de agora a Casa do Mar. A ludoteca estará situada na planta baixa, cun acceso independente ó da propia gardería, dende a fachada que dá á fonte, mentres que na primeira planta situarase a escola infantil á que se accederá a través dunha rampa que se habilitará dende a praza existente anexa ó antigo edificio. O importe desta nova actuación, sufragada pola Consellería de Traballo e Benestar, ascende a 410 mil euros. A gardería contará con 41 prazas, de idades entre os cero e os tres anos, con tres aulas, unha por cada franxa distinta de idade. A obra prevé tamén a humanización e mellora do entorno, un proxecto complementario que aínda está en fase de elaboración e suporá un investimento a maiores duns 150 mil euros.