Rianxo volverá a encherse de monicreques co festival Titiribeira

RIANXO> Por cuarto ano consecutivo os títeres volverán a Rianxo da man do festival Titiribeira que organiza a asociación Morreu o Demo. Será a semana que vén, do 24 ó 30 de xullo.

A cita prevé un total de 24 funcións a cargo de 17 compañías chegadas non só da nosa comunidade, senón tamén de fóra con artistas de Cataluña e Euskadi e mesmo Portugal e Brasil.

Pero ademais do seu carácter internacional, a cita terá outras novidades. Unha delas será o seu carácter descentralizador, xa que moitas das funcións organizaranse polas distintas parroquias.

Dende o Concello mostráronse encantados por poder acoller un ano máis este Festival.

Na presentación do festival tamén tomou parte o director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, entidade que xunto coa Deputación da Coruña, colabora tamén no seu financiamento.

Pero ademais das representacións previstas, na súa maioría de balde e destinadas a tódolos públicos, a organización do Festival tamén deseñou un amplo abano de actividades paralelas que inclúen charlas, exposicións, escola de títeres ou obradoiros de creación e manipulación de monicreques.