Noia celebrará o domingo 6 de abril a Romaría de San Lázaro

NOIA> Ademais da misa solemne e a tradicional procesión, a xornada terá este ano un atractivo máis, coa organización dun concurso de polbeiros. O próximo domingo seis de abril celebrarase en Noia á romaría na honra de San Lázaro, unha festividade de carácter relixioso, moi tradicional e de antigo, que congregaba tódolos anos a centos de fieis. Co paso do tempo a festa foi perdendo o seu protagonismo, cuestión pola que o concello decidiu implicarse. Unha das principais novidades do programa será a organización ese mesmo día dun concurso de polbeiros. A día de hoxe, e a falta dunha semana para o remate do prazo de presentación, xa hai catro polbeiras inscritas. Os actos litúrxicos darán comezo xa esta fin de semana co traslado do santo dende a igrexa de San Martiño ata a capela. Durante toda a semana haberá novenas e misas na honra do santo. O día grande, a misa solemne terá lugar a mediodía seguida da procesión ó redor da capela. Ademais das celebracións relixiosas haberá diversas actividades lúdicas durante toda a xornada, entre as que se atopan a actuación do grupo de gaitas Airiños do Mar.