A firma que xestiona o matadoiro comarcal traballa xa na súa ampliación

    BARBANZA> Na actualidade estanse a construír novas cámaras de conservación que permitirán multiplicar a capacidade de sacrificio das instalacións. O matadoiro comarcal do Barbanza é o mellor exemplo do bo funcionamento dos servizos mancomunados; unha tendencia cara a que apunta a Deputación da Coruña promovendo a colaboración entre concellos para optimizar os recursos. O matadoiro, xestionado pola empresa Distribuciones Josoni, dá servizo ós catro concellos de Arousa Norte así como a outros municipios limítrofes. Na actualidade, as instalacións están ó límite da súa capacidade cunha media de sacrificio de entre oitenta e cen porcos ó día e de vinte a trinta canais de vacún. A intención da empresa concesionaria é multiplicar a capacidade coa construción de novas cámaras de frío que xa se están a executar. A construción do matadoiro comarcal, inaugurado o pasado oito de febreiro pola Conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, supuxo un investimento próximo ó millón de euros, dos cales 482 mil euros foron aportados polo organismo provincial e 318 mil pola Xunta de Galicia. A instalación conta cunha plantilla de dez traballadores que se verá incrementada coa posta en marcha das novas cámaras de conservación e salas de despece que entrarán en funcionamento a finais do verán.