Uns orzamentos que buscan a cohesión social

    NOIA> O documento orzamentario saiua adiante a pesar do voto en contra do Partido Popular. O equipo de goberno sacou adiante en solitario os orzamentos municipais para este ano, que ascenden a preto dos dez millóns de euros. Segundo sinalou o alcalde, Rafael García Guerrero, estes presupostos teñen coma principal obxectivo a procura da cohesión social, esgotando ó máximo os recursos municipais. Dese total de 9’9 millóns de euros, ós que lle habería que sumar tamén 2’1, de remanente de tesourería, o goberno noiés ten intención de destinar a investimentos ó redor de 3’3. Ademais producirase, segundo el, un incremento notable este ano das axudas a entidades sociais e tamén ás asociacións culturais e deportivas. O Partido Popular pola contra, encargouse de buscar aqueles puntos fracos no documento orzamentario. Así botaron en falla medidas dirixidas á creación de emprego..Criticaron tamén os máis de 400 mil euros que se destinan á redacción de proxectos por parte de gabinetes externos, ou o escaso investimento contemplado para servizos municipais básicos como é o caso da limpeza viaria, parques e xardíns ou abastecemento de auga. Dende o equipo de goberno quixo destacarse tamén o bo traballo realizado nestes últimos anos na contención e na estabilidade do gasto, circunstancia que posibilitou unha mellora significativa na saúde económica do concello, coas previsións dun nivel de endebedamento a finais de ano do 0%, moi lonxe da débeda existente no ano 1999, cando se superaba os límites legais establecidos.