A Antena Local organizou unha xornada sobre a formación dual

    BOIRO> A Antena Local de Boiro pertencente á Cámara de Comercio de Santiago organizou esta mañá, no concello de Boiro, unha reunión informativa sobre a implantación da formación dual nos centros de ensinanza da Barbanza. A sesión contou coa asistencia da subdirectora Xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez, así como tamén de representantes de asociacións de empresarios e de concellos da comarca que forman parte do Observatorio Económico do Barbanza. Durante a súa intervención a subdirectora Xeral de Formación Profesional, explicou que a Formación Dual aparece definida como un conxunto de accións e iniciativas formativas que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas, combinando procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e nun centro de formación. Segundo ela este tipo de proxecto dual desenvolverase durante dous ou tres anos a través de contratos para a formación e a aprendizaxe ou por medio de bolsas de traballo. En canto ós requisitos, os solicitantes da Formación Profesional Dual non poderán ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe e deben cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente, ademais de ter entre 18 e 30 anos, carecer de cualificación profesional nin ter superado ningún módulo profesional do ciclo correspondente.