A ANPA do CEIPP de Palmeira leva as súas protestas á praza do Concello

RIBEIRA> Quixeron mostrar así a súa disconformidade coa consellería de Educación que xa lle trasladou a súa negativa a manter alomenos unha das dúas aulas de infantil que se prevén suprimir no colexio para o vindeiro curso.

Aproveitando a festividade do Carme, festivo local en Ribeira, preto de medio cento de pais, familiares e mesmo alumnos do colexio de Palmeira secundaron a convocatoria realizada dende a ANPA e concentráronse esta mañá na praza do Concello para protestar contra a decición de Educación de pechar dúas das cinco aulas de infantil coas que conta este centro educativo de cara o vindeiro curso.

A resposta que lle deu a xefatura de Educación á ANPA na última reunión con eles é que non van a cambiar de opinión ó respecto, xa que consideran que poden enchelas ata 25 ou 27 alumnos segundo a normativa.

Pero a ANPA non está de acordo con esta decisión, e solicitan que baixen esas ratios ata un máximo de 18 nenos por aula, para garantir así unha mellor calidade no ensino, máxime cando existen  rapaces no colexio con necesidades especiais.

Dende a ANPA sinalan que teñen intención de seguir coas protestas ata que non haxa unha postura definitiva.