Amplo programa de actividades no ‘Abril Cultural’ de Lousame

    LOUSAME> O concello de Lousame deseñou un amplo e variado programa de actividades para este mes de abril que inclúe unha exposición de fotografía, unhas xornadas contra o maltrato animal, un obradoiro cultural infantil, unha conferencia sobre a II República e a entrega dos premios ós mellores lectores da Axencia Municipal de Lectura. Mañá venres, ás 20:30, a casa da cultura de Lousame acollerá a inauguración da exposición de fotografía “Imaxes con fondo”, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración coa concellería de Cultura e Xuventude de Lousame. Trátase dunha exposición deseñada polo debuxante Pepe Carreiro e está conformada pola compilación das 19 obras máis significativas presentadas ao concurso de fotografía “Imaxes con Fondo”, celebrado en 2012. A exposición, que poderá visitarse en Lousame ata o vindeiro 30 de abril, pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade por medio da palabra e da imaxe. Xornada Maltrato Animal Media hora despois, ás 21:00, o salón de actos da casa da cultura de Lousame acollerá a I Xornada contra o Maltrato Animal, organizada polo concello de Lousame e pola Protectora Arca de Noia, en colaboración co Centro Veterinario SAN MARCOS. O acto é de asistencia libre e de balde xa que o obxectivo é dar a coñecer o labor que fan dende estas asociacións de defensa da natureza e protección da vida animal. Obradoiro infantil Para o sábado 12 de abril, de 11:00 a 12:30 na casa da cultura, desenvolverase un obradoiro cultural Infantil da man de Teatro Babaluva: “Retratando a Díaz Castro”, dirixido a nenos e nenas de 5 a 12 anos. Trátase dun obradoiro creativo no que os participantes deseñarán un retrato de Díaz Castro, co obxectivo de dar a coñecer a relevancia deste escritor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. Para iso, os nenos e nenas aprenderán a técnica da colaxe e debuxarán con estilo cubista coa perspectiva múltiple, a máis axeitada para plasmar a dobre faceta do autor: poeta e tradutor. Memoria Histórica e entrega premios Completan o completo programa de actividades de abril, unha conferencia conmemorativa da proclamación da II República a cargo do historiador Emilio Grandío, que terá lugar o luns 14 de abril, ás 20:00, na casa da cultura. A asistencia é totalmente libre e de balde. Por último, o sábado 26 de abril terá lugar a entrega de premios aos mellores lectores da Axencia Municipal de Lectura no ano 2013. Un acto que terá lugar na Casa da Cultura, ás 12:00.