RIBEIRA> Segundo informaron fontes do propio Concello o proxecto da Xunta provocaría maiores problemas de tráfico no entorno dos colexios, ademais de ser máis custosa.
A alternativa que se vai a analizar agora pola estrada de Xarás a Frións implicaría tamén un menor impacto ambiental, ademais de afectar a un menor número de fincas particulares.
O alcalde, Luís Pérez Barral, informou ademais de que a contratación deste estudo técnico responde a un compromiso adquirido no seu día coa propia plataforma de afectados pola futura variante tras o incumprimento por parte do anterior goberno municipal presidido por Manuel Ruíz do acordo plenario de outubro de 2020 que excluíu a proposta de facer a circunvalación mellorando a estrada de Xarás a Frións.
Réplica
O anuncio do goberno tripartito de elaborar un estudo técnico independente que avalíe as alternativas ó trazado proposto pola Xunta non tardou en ter resposta do Partido Popular.
Os populares insisten unha vez máis en que a mellora da estrada provincial de Xarás a Frións é benvida, pero que non servirá para satisfacer a finalidade coa que o Goberno Autonómico proxectou a obra da variante, que non é outro que dotar de novas vías de entrada e saída á cidade e solucionar de forma definitiva os problemas de tráfico existente.
Para o PP o executivo encabezado polo BNG obvia que a estrada de Frións é competencia da Deputación da Coruña, onde a formación nacionalista leva cogobernando dende o ano 2015 xunto co PSOE, e que nestes 8 anos nin uns nin outros fixeron absolutamente nada para impulsar esa tan necesaria obra de mellora.
Segundo eles esta estrada e a variante proxectada pola Xunta son obras completamente complementarias.
Os populares lembran ademais que o novo vial xa está en tramitación, que conta con tódolos informes favorables e xa se realizou a expropiación dos terreos necesarios para a súa construción.
Ademais, segundo eles, era unha intervención prevista dentro do Plan Urbanístico de Ribeira, aprobado por todos os grupos da Corporación no ano 2002, e vai permitir o crecemento da cidade a través do desenvolvemento do plan parcial de Abesadas B.