LOUSAME> A actuación, que será sufragada na súa totalidade pola consellería de Medio Ambiente, a través de Augas de Galicia, contará cun investimento de máis de 623 mil euros. O consello da Xunta aprobaba esta mañá o proxecto de construción dunha nova estación depuradora de augas residuais no lugar de Tállara no concello de Lousame, que terá unha capacidade para prestar servizo a uns 800 habitantes aproximadamente. A obra levará aparellada a demolición da actual depuradora, situada nese mesmo lugar, e a execución dun colector que levará as augas residuais de Tállara á nova EDAR. A nova infraestrutura eliminará ás actuais verteduras ó río Tállara, que desemboca ó fondo da ría de Noia, polo que esta mellora medioambiental repercutirá positivamente no estado ecolóxico da ría. A actual depuradora de Tállara, executada a principios dos anos 90, está obsoleta e non chega a cubrir as necesidades actuais, co que a vertedura ten un impacto significativo na calidade da auga do río. Esta obra está declarada ademais de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, posto que as ditas actuacións están recollidas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa. A actuación está a expensas de que o executivo de Lousame aprobe o proxecto en pleno, así como que realice a achega dos terreos necesarios para realizar as obras, debendo asumir tamén a explotación, o mantemento e a conservación das obras, ademais de efectuar os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución. O documento xa foi exposto ao trámite de información pública durante un prazo de 30 días e nese tempo non se recibiron alegacións ou reclamacións ó proxecto.
Inicio Barbanza - Muros - Noia







