BOIRO> Por oitavo ano consecutivo, a Mancomunidade Barbanza Arousa e a asociación cultural Alberto Romero renovan a súa colaboración para a posta en marcha do certame de curtas. Nesta edición repartiranse 1800 euros en premios entre as cinco categorías que optan a concurso.
A oitava edición do certame de Curtas Alberto Romero xa quenta motores. Esta mañá tiña lugar o acto de sinatura do convenio entre a Mancomunidade Barbanza Arousa e a asociación cultural que permite non só a celebración deste certame senón outro tipo de actividades formativas que buscan potenciar a creatividade no ámbito audiovisual entre os escolares.
Ademais da categoría libre e das categorías escolares, tanto para primaria e secundaria, haberá unha modalidade exclusiva para persoal con diversidade funcional. Terá continuidade este ano a categoría Barbanza Arousa, inaugurada a pasada edición, que este ano vai enfocada ó turismo enogastronómico.
As inscricións para a presentación das curtas estarán abertas ata o 28 de febreiro. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará en Rianxo no mes de abril. Concederase un premio por cada categoría ascendendo na súa totalidade a 1800 euros.











