Uns160 corredores participarán este sábado na Carreira do Corgo

RIBEIRA> A oitava edición da Carreira de Campo a Través do Corgo vai servir este sábado para dar o pistoletazo de saída a unha nova convocatoria, a sétima xa, do Circuíto de Carreiras Populares Concello de Ribeira. A presentación da carreira tiña lugar esta mañá no concello e contou coa participación de Eduardo Iglesias, no nome da asociación Arousa Natureza e Ocio, entidade organizadora e Juan Luis Martínez, edil de Deportes. Por segundo ano consecutivo serán cinco o número de citas que integran o calendario, tras a inclusión o ano pasado da carreira de Castiñeiras. Despois da do Corgo en Corrubedo, sucederanse a XI Carreira Popular da Virxe da Guía (en Carreira, o 17 de maio), a II Carreira Nocturna de Castiñeiras (na parroquia do mesmo nome o 7 de xuño), a VII Carreira do Demo (o 24 de agosto en Artes) e a XVII Carreira Popular de Santa Uxía (o 28 de setembro na cidade capital do municipio). Unha das novidades do circuíto é o feito de que os corredores que corran as catro primeiras citas non terán que abonar o custe de inscrición da quinta (Santa Uxía). O prezo por participar será semellante en todos os certames por consenso das entidades organizadoras: seis euros. Polo que respecta á Carreira do Corgo, contará cunha modalidade individual (masculina e feminina) e outra por parellas. O circuíto será integramente sobre terra, atravesando lugares de tanta espectacularidade e beleza natural como o monte Facho, o Corgo e os campos de Teira. Terá unha lonxitude de doce quilómetros. Para máis información e inscricións, cómpre visitar a páxina web www.arousa.com.