BARBANZA> O pleno da Deputación da Coruña aprobou un plan orzamentorio a medio prazo no que se establece a redución da débeda financeira ata un 4,85% no ano 2017. Esta cifra sitúase moi lonxe do 49,96% de endebedamento herdado do goberno do bipartito e aínda máis lonxe do 110% que permite actualmente a lei. Segundo este planeamento, o ano 2015 pechará cunha débeda financeira dun 7,80%, mentres que o 2016 concluirá cun 6,31% de débeda con respecto ao orzamento total da institución provincial. O ano 2010, último exercicio completo do bipartito, pechou cunha débeda de máis de 93 millóns de euros, o que supoñía entón un índice dun 49,96%. No 2011 rebaixouse algo a cifra, chegando aos 77,8 millóns de euros e a unha porcentaxe do 42,1%, mentres que no 2012 e no 2013 as cifras reducíronse ata un 37,62% e un 21%, respectivamente. Estas baixadas foron posibles grazas á política de contención do gasto imposta polo goberno provincial, que foi o primeiro en asumir os recortes nas súas nóminas e que mantivo unha tendencia continua de amortización extraordinaria de débeda superior á establecida anualmente nos orzamentos. Outra medida de aforro posta en marcha nos últimos anos é a reestruturación dos servizos da institución provincial para ofrecer un máis eficaz e eficiente servizo. Precisamente no pleno desta mañá aprobouse unha modificación da Relación de Postos de Traballo do actual ano para dar saída a cambios organizativos que contribúan a modernizar o organigrama provincial de cara á asunción de novos retos aínda en fase de estudo.
Inicio Barbanza - Muros - Noia