Falece un ribeirense tras ser atropelado por un tractor

RIBEIRA> O festivo do 1 de maio deixa dous importantes accidentes nas estradas do Barbanza. O máis tráxico deixou unha vítima mortal no concello de Ribeira. Eran pouco máis das doce e media do mediodía cando un veciño da parroquia de Olveira foi atropelado por un tractor, segundos máis tarde de deterse a falar co mesmo condutor. Segundo afirman os veciños, J.G.A tropezou na reixa dunha cuneta e caeu cara á estrada, ca fatídica sorte de non ser visto polo tractorista.O accidente produciuse na estrada que conecta as parroquias de Oleiros e Corrubedo. O falecido, de 84 anos, viña de tirar o lixo nun contedor próximo á súa casa. Todo apunta a que faleceu no acto. Ata o lugar dos feitos desprazouse unha ambulancia asistencial e persoal sanitario do PAC de Ribeira que tan só pudieron certificar o falecemento. A familia deste home de Ribeira ocupa hoxe o pensamento dos veciños, non obstante son moitos os que se poñen na situación do condutor do tractor. No concello de Outes, un rapaz de 17 anos volcou sobre a estrada tras roubar o todoterreo que conducía. Non houbo que lamentar danos persoais pero a aparatosidade do sinistro obrigou á Policía Local, a Guardia Civil e ós efectivos do Grupo de Emerxencias de Muros a desprazarse ata o punto.